Historia

Categoría: Historia

Historia

O Colexio Ferroviario debe a súa existencia a Mutualidad de la Asociación General de Empleados y Obreros de los Ferrocarriles de España. Esta mutualidade constitúese en xaneiro de 1888. Debido ao problema da época en canto a educación, a Asociación decide - no ámbito ferroviario - solucionar as deficiencias de escolaridade dos fillos dos asociados habilitando parte dos edificios propiedade da Asociación, ademáis de construir outros como é o caso do Colexio Ferroviario.

A Mutualidad de la Asociación General de Empleados y Obreros de los Ferrocarriles de España acorda mercar un solar no ano 1928 e merca o terreo no ano 1929 para a construción do edificio do Colexio Ferroviario. En decembro de ese mismo ano, o Concello aproba nun pleno a concesión dunha axuda para esta construción. 

O arquitecto desta obra foi Francisco Alonso Matos, o aparellador Emilio Parreño e o encargado de obra o señor Cons. A construción era confortable, con espazos amplos ben iluminados e con boa ventilación. Na construcción empregouse cantaría de granito e cachotería, elementos que fan que o edificio sexa merecedor de ser o único de Galicia que se reviste de tal xeito. En orixe estruturábase en tres plantas que acollían 350 alumnos distribuídos en sete aulas onde se dispoñía de comedor, cociña e patio de recreo cuberto no último andar para cando o tempo fose chuvioso, algo típico nas Terras de Lemos. Así mesmo, contaba con servizos dotados de retretes, lavabos e aseos con auga que se sacaba dun pozo situado na finca a través dunha bomba automática, que foi unha das primeiras que se instalaron en todo o estado español.

O 10 de agosto de 1929 principiaron as obras e inaugurouse dous anos despois, o día 15 de agosto do ano 1931. Foi todo un evento daquela na cidade do Cabe, posto que os festexos prolongáronse durante catro días con toda sorte de actividades: verbena, teatro, tómbolas e concursos. A asistencia das personalidades que deseguido se citan, denota a transcendencia que tivo o acto inaugural:

  • o Gobernador de Lugo -Sr. López Bouza- acompañado do secretario, Sr. Bahamonde
  • o Inspector Xefe de Primeira Ensinanza de Primaria, Luis Soto Menor
  • o Alcalde de Monforte, Justo López Noguerol
  • e o Tenente da Garda Civil

Acudiron tamén representantes da Compañía do Norte, das zonas de Valencia, León e Madrid, da eléctrica de Ourense e o médico da Sanidade Local.

O programa das grandes festas organizadas con motivo da inauguración do edificio constituíu unha velada no Teatro Principal na que tomou parte o cadro artístico ferroviario e a Agrupación artístico-musical de Monforte e celebrouse o 13 de agosto de 1931. A primeira parte consistiu nunha lectura dunha cuartilla literaria alusiva ao acto e escritas por un dos consocios, Pedro Castro; despois a rondalla interpretou o Himno de Riego e un pasodobre do mestre Villacañas. Estreouse o diálogo melodramático en prosa “Cando o Corazón Mande” e representouse “O Sorriso da Gioconda”; no reparto de papeis unicamente actuaron homes e todos eles ferroviarios (prescindiron de actrices e os seus papeis desempeñábaos os actores). Bailáronse muiñeiras, e ao final da función rifouse un estupendo mantón de Manila, valorado en 750 pesetas.

En canto ao funcionamento do Colexio , para acceder a educación no mesmo debíase pagar unha tarifa, onde tiñan preferencia para acceder os fillos dos membros da Asociación. Como a figura do colexio era privada, o pago desta tarifa mantívose ata que entrou en vigor o concerto co Estado, momento no que o Centro pasou a funcionar coma un colexio público en canto a gratuidade da ensinanza.

No ano 1986 o Colexio Ferroviario pasa a ser propiedade da Cooperativa CPR Ferroviario. Posteriormente, e debido a implantación da ESO en España, o Colexio Ferroviario amplía as súas instalacións para dar cabida ao novo volumen de alumnado que chega, construíndose para iso un edificio anexo onde se imparten Infantil e parte dos cursos de Primaria. 

Hoxe en día, o Colexio Ferroviario ofrece ensinanza de Infantil, Primaria e ESO nun entorno actual á vez que tradicional, nunhas instalacións modernas e tamén importantes para a historia de Galicia.